Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta convocará a comezos de xuño a comisión de coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático para facer balance e fixar os pasos a dar para seguir converxendo con Europa


Será a primeira vez que se reúna este organismo interdepartamental desde a aprobación da folla de ruta galega para acadar a neutralidade climática no ano 2050

A dúas semanas do Consello de ministros que abordará a Estratexia europea de adaptación ao cambio climático, Ángeles Vázquez salienta que os coñecementos e a experiencia das rexións deben ser tidos en conta para tomar decisións neste eido

A Xunta de Galicia convocará por primeira vez o vindeiro 8 de xuño a Comisión interdepartamental para o impulso e coordinación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, co triplo obxectivo de facer balance do seu primeiro ano e medio en vigor, fixar as próximas liñas de actuación en Galicia e estudar as metas marcadas neste eido de aquí a 2030 para seguir converxendo con Europa.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen representou a Galicia na reunión do Consello de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, convocada polo Goberno central para preparar o Consello de ministros de medio ambiente que se celebrará o vindeiro 10 de xuño.

De feito, o obxectivo principal da reunión foi fixar a postura común das autonomías sobre a Estratexia de adaptación ao cambio climático da UE, un posicionamento que, segundo dixo, debe partir da premisa que sempre defende a Xunta: “Pensa global, actúa local”. Así, considerou que os coñecementos e a experiencia acumulados por Galicia e o resto de rexións deben ser tidos en conta polas institucións europeas á hora de tomar decisións que permitan dotar á UE dunha estratexia común que funcione e dea os resultados esperados.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou que a Comunidade galega conta desde outubro de 2019 conta coa súa propia estratexia fronte ao cambio climático, unha folla de ruta que xa está acadando “resultados” grazas aos máis de 317 millóns de euros investidos neste período e á súa contribución fundamental a que as emisións se reduciran en Galicia nun 23,8% desde o ano 1990, en liña cos obxectivos marcados por Europa.

Estes datos, precisamente, serán obxecto de análise e reflexión a comezos de xuño por parte da Comisión interdepartamental da Estratexia galega de cambio climático e enerxía, concibida como órgano coordinador de carácter transversal no que están representados ao máximo nivel todos os departamentos da Xunta e que ademais é unha das 171 medidas contempladas na Estratexia.